Cal é a denominación da titulación?
A superación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño dará lugar á obtención do Título Superior de Deseño, especialidade en Deseño Gráfico.
Este título está incluído no nivel 2 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior e será equivalente ao título universitario de grao.
Perfil de ingreso recomendado
A lexislación aplicable non establece un perfil de ingreso específico ou recomendable, se ben resulta aconsellable posuír un nivel de Bacharelato
Canto duran as ensinanzas superiores de deseño?
O plan de estudos conducente á obtención do Título Superior de Deseño, abrangue 4 cursos académicos cun total de 240 créditos.
Cada un dos cursos terá 60 créditos ECTS, cunha equivalencia de 25 horas por crédito, e a súa duración será de 38 semanas, incluíndo os períodos lectivos e os dedicados a outras actividades presenciais.
O tipo de ensinanza é presencial e impártese en galego e castelán.
Cantas prazas de novo ingreso se ofertan cada curso?
Cada curso poden entrar 20 prazas na especialidade de Deseño Gráfico.
Cales son os obxectivos?
As ensinanzas artísticas superiores de Deseño terán como obxectivo xeral a formación cualificada de profesionais do Deseño nos ámbitos relativos á concepción, formulación, comunicación e dirección dos proxectos propios de cada especialidade, e á creación e investigación.
Que perfil de egreso terá unha vez rematados os estudos?
O perfil do Titulado/a Superior en Deseño corresponde ao dun profesional cualificado que acadou a madureza e a formación técnica e humanística necesarias para realizar de maneira plena a opción profesional máis adecuada ás súas capacidades e intereses, mediante o desenvolvemento de competencias comúns aos estudos de Deseño e na correspondente especialidade.
Os Titulados/as Superiores en Deseño estarán capacitados para o exercicio da creación e da investigación.
Cales son os criterios de acceso e admisión?
Para o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes ao Título Superior en Deseño, requirirase cumprir os requisitos establecidos no artigo 12 do Real decreto 1614/2009, de 26 de outubro, e a superación da correspondente proba específica á que se refire o artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación.
Para os maiores de dezaoito anos de idade que non cumpran os requisitos establecidos no citado artigo 12, a Consellería competente en materia de Educación, regulará, convocará e organizará unha proba anual que acredite que o aspirante posúe a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato e os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas.
A proba específica de acceso será única para as diferentes especialidades destas ensinanzas, e terá carácter unificado para todos/as os/as aspirantes.
Poderá acceder ás ensinanzas superiores de Deseño sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño, na porcentaxe que a Consellería competente en materia de educación determine.
Permanencia
Non se poderá realizar matrícula na mesma especialidade durante máis de oito anos académicos nun centro oficial dependente da consellería competente en materia de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das convocatorias adicionais ou anulacións de convocatoria que lle fosen concedidas.
Pódense recoñecer créditos doutros estudos?
Sí. Para a transferencia e recoñecemento de créditos nas ensinanzas artísticas superiores de Deseño estarase ao disposto no artigo 10 do Real decreto 633/2010, do 14 de maio, así como no artigo 14 da Orde do 21 de Novembro de 2016 polo que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores.
Onde podo atopar máis información?
O Decreto 172/2015, do 29 de outubro, pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Orde do 21 de Novembro de 2016 polo que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores.
E tamén o Real Decreto 1614/2009, de 26 de octubre, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Ley Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación.