O venres 21 de novembro, ás 11:00h no Salón de Actos, recibimos a Maysun Cheikh Ali Mediavilla, artista hispano-palestina, que nos vai presentar a súa obra marcada pola pegada da diáspora, a preservación cultural e a memoria dende unha mirada contemporánea. Tamén amosaranos a cultura e acción da Arte Palestina a través doutros artistas palestinos.
Falaremos do día Internacional para a eliminación da Violencia contra as mulleres e faremos fincapé na violencia establecida contra a muller en Palestina coa ocupación e xenocidio.
A continuación, desenvolverase unha actividade titorizada por Maysun, na que se explorarán as posibilidades que ofrece a arte para poder establecer novos imaxinarios e unha realidade social diferente: crear para poder modificar o establecido. Disporase de material para bocetar e debuxar, fío e teas para experimentar co téxtil e tamén pódense traer soportes como fotos, ilustracións, etc . Será no Taller de maquetas a partir das 12:30h.
Coas ideas e bocetos que xurdan desta actividade farase unha obra destinada a unha exposición na Escola e tamén farase unha doazón voluntaria a unha axencia que colabore e se responsabilice da axuda humanitaria en Gaza, proporcionando alimentos, saúde, educación e servizos sociais aos refuxiados palestinos.

