O 8M é o Día Internacional da Muller, e para conmemoralo temos organizadas unha charla e unha exposición.
O martes 12 de marzo, ás 11h no Salón de Actos, convidamos a Iria Otero para que nos conte que “Outra forma de facer publicidade é posible. As Peaky Branders, unha historia de creatividade transformadora”.
Iria Otero é fundadora e directora creativa de As Peaky Branders, cofundadora da Escola Oh!Sister e creadora do proxecto fillingthegap.org. Licenciada en Publicidade, traballou para diferentes marcas autonómicas e nacionais (Estrella Galicia, Vivesoy, Café Mocay, Leche Pascual, Larsa, Bodegas Paco&lola, GADISA, R telefonía…) para entidades e institucións (campañas de promoción turistica en Galicia ou campañas de sensibilización contra as Violencias Machistas, entre outras) e mesmo acompañou ao grupo Tanxugueiras no proceso creativo do seu último disco.
Despois de 15 anos como creativa publicitaria, perdeu a conta das veces que pensou en cambiar de profesión. O soldo precario, a falta de tempo nos procesos creativos, a invisibilidade das mulleres creativas e a falta de valores… fixérona plantexarse en máis dunha ocasión deixar todo e preparar unha oposición.
Un día fixo clic (ou catacrack!) e comezou a rodearse doutras mulleres creativas, compartindo os mesmos problemas, o mesmo desapego co tipo de publicidade que facían… e decatouse do necesario das nosas narrativas, perspectivas e habilidades para transformar a industria da publicidade por dentro e por fóra.
Este propósito devolveu o brillo nos seus ollos e foi o impulso que necesitaba para emprender e fundar o seu propio proxecto publicitario: “As Peaky Branders”. Un proxecto con pouco máis dun ano de vida que aposta por crear creatividade transformadora.
Para visibilizar as lagoas do sector da publicidade e promover o cambio tamén nace o proxecto fillingthegap.org, onde dan a coñecer carencias pero tamén ferramentas para demostrar que outro tipo de publicidade é posible.
Hai un ano fundou, xunto cunha muller vasca, Cristina Guezuraga, a primeira escola de creativos para creativos Oh! Sister que xa vai na súa terceira promoción.
Ademais, desta charla, pódese visitar a expo “Mulleres no Medievo” ata o 15 de marzo na 1º andar da Escola. A exposición cedida pola Deputación da Coruña, procura dar unha maior difusión a mulleres da nosa historia que foron invisibilizadas mais tamén a mulleres artistas actuais non sempre o suficientemente coñecidas. É unha medida de actuación estratéxica para promover na sociedade un pensamento crítico sobre as desigualdades de xénero, sobre a desaparición das mulleres da esfera pública ao longo da historia, mais tamén na posta en valor do papel das mulleres artistas na sociedade actual.
As protagonistas son dez mulleres da nosa historia elixidas para as ilustracións: Dona Urraca, María Castaña, Lupe Pérez de Traba, Inés de Castro, Maior Guntroda Rodríguez, Aldonça I e Sancha II , Ilduara Eriz, Sancha I ,Tareixa de León e María Peres, A Balteira.
As ilustracións están feitas por 5 ilustradoras galegas: Iria Fafián, Laura Romero, María Montes, Minia Regos e Nuria Díaz.