O venres, 6 de febreiro de 2026 ás 11h, celebrarase unha charla coloquio sobre a colección de arte do Parlamento de Galicia, coa participación de:

  • Miguel Santalices Viera: Presidente do Parlamento de Galicia
  • Manuel Quintana Martelo: Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes
  • Felipe Senén López Gómez: Secretario e Académico da Real Academia Galega de Belas Artes

O Parlamento de Galicia conta cunha valiosa e variada colección de arte galega, con representación das principais figuras  a pintura, a escultura e fotografía de Galicia. Este fondo artístico está integrado por máis de trescentas cincuenta obras  pertencentes a máis de cento vinte artistas significativos na historia da arte de Galicia.

A Real Academia Galega de Belas Artes, asociada ao Instituto de España, é unha corporación oficial que actúa como institución consultiva, informativa e asesora dos organismos públicos e privados que teñan ao seu cargo a defensa, a conservación e a restauración do tesouro artístico e monumental de Galicia, fomenta a investigación e a práctica das artes, e vela pola conservación, valoración e difusión da riqueza monumental e artística. Destaca pola súa colaboración co Parlamento de Galicia,  no ámbito da difusión, estudo, asesoramento, investigación e conservación da colección de arte da Cámara galega.

Atendendo aos resultados positivos da colaboración ao abeiro dos protocolos subscritos con anterioridade entre as dúas institucións, o Parlamento de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes, acordan poñer en marcha  o programa Charlas-coloquio A Nosa Arte sobre o fondo artístico da cámara lexislativa galega en centros educativos e culturais do territorio galego e que ten por obxectivo a prestación de charlas divulgativas mediante unha persoa académica, sobre a valiosa e variada colección de arte galega no Parlamento.

A charla é aberta a todo o público.