Como cada curso, e xan van 7 edicións, a EASD Pablo Picasso organiza as Xornadas de Arte e Deseño bisiona. Neste curso, as datas previstas de celebración serán o 24, 25 e 26 de xaneiro de 2024.

Como en cursos pasados, os nosos convidados achegarannos á realidade profesional das diferentes especialidades formativas que se imparten na Escola.

Comezaremos o mércores pola mañá ás 9:30h coa participación dos ilustradores Martín Romero e ás 11h con Sandra Lodi con dúas charlas tituladas “To bird or not to bird: Proceso de creación dunha curtametraxe de animación” e “O «hurror» de Sandra Lodi”. Ademáis, ás 12:30h contamos coa restauradora Andrea Fernández Arcos que abordará, entre outras cuestións, a necesidade de coñecer as técnicas pictóricas e, particularmente, as técnicas de dourado, para o éxito na restauración de obras e bens culturais.

Na sesión do mércores pola tarde, recibiremos ás 16h ao escultor Fran Remiseiro que na súa intervención titulada “A spolia e o contemporáneo”  introduciranos na idea da reutilización e resignificación de formas anteriores a posmodernidade. Como remate, ás 18h, o marionetista Anxo García  fará un percorrido polo mundo das marionetas, falando da súa orixe e da súa relación coas tradicións, o folklore e as vangardas, así como da súa presenza arredor do mundo.

O xoves pola mañá, ás 10h, o fotógafo Martí Andinach achegaranos á técnica do colodion, completado cun taller pola tarde só para o noso alumnado de fotografía. E tamén pola máñá, ás 12h,  o estudio de deseño gráfico Novagarda na súa charla “mapa de contexto”  trazará as liñas que definen os seus contextos de traballo e os ámbitos sectoriais en que desenvolven a súa actividade. Aproveitaremos tamén para facer entrega dos premios do EDLG aos TFE/PI presentados en galego ás 11:30h.

O venres pola mañá, ás 10h, contamos con Juan Tejedor, de Tejedor y Otero Arquitectos, que virá acompañado de  Andrea Permuy e Óscar Freire, dous ex-alumnos de Deseño de Interiores da nosa Escola que actualmente traballan con él. Na súa intervención, centraranse na “Arquitectura de interiores en espazos comerciais”, ámbito de traballo en plena expansión actualmente. E a continuación, ás 12h, Manchea levaranos de volta aos tempos da imprenta de tipos móviles, tamén coa celebración dun taller para o noso alumnado de deseño gráfico e ilustración que terá lugar o xoves pola tarde.

Este curso, como novidade, estreamos colaboración co Conservatorio Superior de Música na celebración das Xornadas! A Aula de Saxofón do CSM da Coruña realizará unha serie de intervencións nos descansos entre charlas coa interpretación de obras do repertorio clásico contemporáneo.

 

 

SAX-Xperience 

Mércores 9:30h Inauguración: Françoise Rossé (Francia, 1945) Le Frêne Égaré (1979) Liliana Ortega, saxofón alto
Mércores 12:30h X-1: Luciano Berio (Italia, 1925-2003) Sequenza VIIb (1980) Tamara Souto, saxofón soprano
Mércores 16:00 X-2: Betsy Jolas (Francia, 1926) Episode Quatrieme (1983) Pablo Peláez, saxofón tenor
Mércores 18:00h X-3: Christophe Havel (Francia, 1956) Oxyton (1991) Efrén Soto, saxofón barítono
Xoves 10:00 X-4: Luciano Berio (Italia, 1925-2003) Sequenza IXb (1980) Joel Rodiño, saxofón alto
Xoves 11:30h X-5: Christian Lauba (Túnez, 1952) Balafon (1996) Esteban Cabana, saxofón alto
Venres CLAUSURA X-6: Françoise Rossé (Francia, 1945) Le Frêne Égaré (1979) Liliana Ortega, saxofón alto

Todas as charlas terán lugar no Salón de Actos da Escola e son abertas ao público, ata completar aforo. En todo caso,  o alumnado terá prioridade de acceso.

Na organización deste evento colabora:

  • O alumnado da disciplina de Imaxe global-Branding de 4º curso de Deseño Gráfico, co deseño da gráfica e a xestión da producción de todo o material, baixo supervisión de Gloria R. Simón. A imaxe das xornadas foi creada pola alumna Mariana Ramírez.
  • O alumnado das disciplinas de Construcción II e de Instalacións II de Deseño de Interiores na ideación e montaxe do photocall, baixo a supervisión de Iria Rivas e José Carlos Barreiro.
  • O alumnado do módulo de Audiovisuais de 2º do CS de Fotografia, coa gravación e edición dos vídeos das charlas, baixo supervisión de Fernando Vaquero.
  • O alumnado do módulo Proxectos de Fotografía de 1º curso do CS de fotografía, coa cobertura fotográfica do evento, baixo a supervisión de Virginia Barros.
  • O alumnado da disciplina optativa “O espazo fotografado” de Deseño de Interiores, no seguimento da instalación das exposicións e o photocall, baixo a supervisión de Manuel Otero.
  • Edgardo Rosales ‘Eros’ na cobertura fotográfica do photocall.
  • Alumnado voluntario na loxística da organización.