A EASD Pablo Picasso conmemora o seu 175 aniversario coa celebración da VIII edición das Xornadas Bisiona.
As Xornadas de Arte e Deseño Bisiona, que neste curso alcanzarán a súa oitava edición, servirán tamén para conmemorar o 175 aniversario da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. As actividades desenvolveranse os días 22, 23 e 24 de xaneiro de 2025.
Neste curso tan especial, as persoas convidadas para achegarnos á súa realidade profesional serán estudantes do centro de diferentes promocións, incluido alumnado recén titulado amosando os seus proxectos finais de grao/ciclo.
As xornadas serán inauguradas o mércores 22 de xaneiro ás 09.30 horas coa presenza das autoridades educativas. Ás 10 horas participarán as ilustradoras Violeta González e Lidia Cao. Ás 12 horas continuaremos cos profesionais do dourado Brais Carpintero e David Muñiz. Na sesión de tarde, recibiremos, ás 16 horas, aos fotógrafos Steffan Abella e Kiko Delgado.
O xoves 23 de xaneiro, abrirán a xornada, ás 10 horas, Iria Moreira e José Santiso, deseñadores de interiores. Ás 12 horas, faremos entrega dos premios do Equipo de Dinamización da Lingua Galega aos TFE/PI presentados na nosa lingua. E remataremos a xornada da mañá ás 12:30 horas cos deseñadores gráficos Luis Mosquera e Estudio Marta Lojo. Pola tarde, o escultor Miguel Ángel Vigo Baleirón fará a súa ponencia ás 16 horas.
O venres 24 de xaneiro, ás 10 horas, contaremos cos ceramistas Jorge Ramírez e Verónica Moar. E para rematar as xornadas, ás 12 horas falarán Patricia Morales, Laura Blanco e Jorge Rodríguez “Gorka”.
Ademáis, este curso continuamos coa colaboración co Conservatorio Superior de Música de A Coruña na celebración das xornadas. A Aula de Saxofón do CSM da Coruña realizará unha serie de intervencións nos descansos entre charlas coa interpretación de obras do repertorio clásico contemporáneo.
Todas as ponencias terán lugar no Salón de Actos da Escola. Estarán abertas ao público ata completar aforo, porén o alumnado terá prioridade de acceso.
Na organización deste evento colaboran:
- O alumnado da disciplina de Imaxe global-Branding de 4o curso de Deseño Gráfico, co deseño da gráfica e a xestión da producción de todo o material, baixo supervisión da docente Gloria R. Simón. A imaxe das xornadas foi creada polo alumno Diego Fernández.
- O alumnado das disciplinas de Construcción II e de Instalacións II de Deseño de Interiores na ideación e montaxe do photocall, baixo a supervisión dos docentes Iria Rivas e José Carlos Barreiro.
- O alumnado do módulo Proxectos de Fotografía de 1o curso do CS de Fotografía, coa cobertura fotográfica do evento, baixo a supervisión da docente Virginia Barros.
- O alumnado da disciplina optativa “O espazo fotografado” de Deseño de Interiores, no seguimento da instalación das exposicións e o photocall, baixo a supervisión do docente Manuel Otero.
- Edgardo Rosales ‘Eros’, na cobertura fotográfica do photocall.
- Alumnado voluntario na loxística da organización.