O venres 26 de setembro, ás 11h, a ARMH presenta no Salón de Actos unha sesión titulada “Francisco Miguel: a vangarda arrebatada”, na que se presentan dúas charlas.

A primeira delas, titúlase “As vangardas artísticas na obra dun galego: Francisco Miguel” . Impartida por Jorge Calle, que contextualizará a figura de Francisco Miguel nos anos 20 e 30, na política e en España, con referencia ás correntes artísticas de vangarda, explicando o seu significado e o a importancia de ruptura coa arte académica dese momento a través das obras de Francisco Miguel.

A continuación, e baixo o título “ O compromiso da arte no S.XX visto dende o compromiso artístico actual”, Xavier Correa Corredoira, un dos artistas plásticos máis implicados da actualidade, fará un retrato da obra e vida profesional dun dos artistas plásticos máis comprometidos (e esquecidos) de principios do S.XX: Francisco Miguel Fernández Díaz.

Pintor, gravador e escultor, ata 1975 a primeira vocación de Correa Corredoira foi a literatura, momento no que, despois de abandonar os seus estudos de arquitectura, decide adicarse definitivamente á pintura. Fundador do colectivo A Galga, xunto a outros artistas como Xaime Cabanas e Mon Vasco -amigos e cómplices decisivos na súa traxectoria-, formará parte do movemento de vangarda Atlántica e da asociación Gruporzán, participando con esta última na edición de 1987 de ARCO.

Despois dunha primeira etapa expresionista, abstracta e conceptual, a obra de Correa Corredoira evoluciona cara unha figuración pictórica na que o corpo humano converterase no seu principal protagonista. En 1979 viaxa a México becado polo Ministerio de Cultura para o estudo das técnicas do gravado, onde queda impresionado pola mitoloxía e os rituais das culturas precolombinas, que incorporará á temática da súa obra. A partir dos anos noventa, a súa pintura evoluciona desde a figura humana cara a paisaxe, e dentro deste, ás mariñas, desenvolvendo unha nova forma de comunicarse co espazo, a perspectiva e o tratamento da cor. O seu traballo está incluído nas coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, no Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, no Museo de Belas Artes da Coruña, na Fundación María José Jove e no Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros. Na actualidade desenvolve a súa actividade artística entre Vilar de Locrendes (Oza-Cesuras, A Coruña) e Naveros (Cádiz).

Jorge Carlos Calle López é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Historia da Arte. Catedrático de Ensino Secundario na materia de Xeografía e Historia, conta con máis de 30 anos de docencia e na actualidade na EPAPU “Eduardo Pondal” da Coruña. É experto en didáctica e na súa práctica docente, busca achegar a materia ao alumnado co uso de ferramentas dixitais.