Miguel Cuba, Lucía Romaní e José Andrés Santiago tratan o tema da cidade na EASD Pablo Picasso
Mañá xoves 27 de outubro ás 12:00 horas no salón de actos da EASD Pablo Picasso, o ilustrador Miguel Cuba, autor de Nueva Babilonia, impartirá a súa conferencia-coloquio: Trazos urbanos; nela tratará o proceso creativo da súa obra -inspirada en cidades- desde a idea ata a edición.
O mércores 9 de novembro ás 12 da mañá a profesora Lucía Romaní desenvolverá o tema: Prácticas artísticas no espazo público: o contexto galego como campo de experimentación. Exporá proxectos concretos de intervención desenvolvidos por colectivos de arquitectos e artistas plásticos en cidades galegas, mostrando o impacto que producen nos que viven nelas.
José Andrés Santiago estará o día 15 de novembro ás 12 da mañá coa súa conferencia: A cidade imaxinada. A peregrinación mediática no manganime, analizando os distintos aspectos dos desprazamentos humanos a certas localizacións urbanas polo interese que xeran as series de ficción.
Todas as conferencias terán lugar no salón de actos da EASD Pablo Picasso. A entrada é libre ata completar aforo.