A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña organiza un obradoiro de Iniciación á Fotografía impartido polo profesor Bernardo Villanueva Fernández. Esta actividade, cunha duración total de 36 horas, comezará o 25 de abril e rematará o 6 de xuño; as clases serán os mércores e os xoves, en horario de 18 ás 21 horas.

Participantes

O curso ofrécese a calquera persoa que non estea matriculada na Escola, que non sexa persoal na EASD Pablo Picasso e que teña máis de 18 anos de idade. O número de asistentes será de 12 persoas.
O curso é gratuíto, o centro aportará o material básico e imprescindible.
Para poderes asistir a esta actividade, é precisa a inscrición para a realización dunha proba de selección. Esta proba determinará as 12 persoas que, logo de formalizar a matrícula pertinente, asistirán ao obradoiro. Unha vez rematado o obradoiro, entregarase acada un dos participantes un certificado de asistencia e aproveitamento.

Contidos

1.- Tipos de cámara: réflex, compacta,…
2.- A cámara e o seu manexo:
– Velocidade, Obturador e Diafragma. Modo manual e Automatismos.
3.- A Toma:
– A Composición e o encadre: Regra dos Terzos e Proporción Áurea.
– A toma en Analóxico e en Dixital: interpretar un Histograma
– Modos de cor: SRGB, RGB e Escala de Grises.
4.- Laboratorio Dixital e Analóxico:
– Copiado manual de negativos analóxicos en papel arxénteo .
– Xestión de arquivos dixitais e preimpresión.

Inscrición á proba de selección

Do 16 ao 19 de abril na oficina de EASD Pablo Picasso, en horario de 9 ás 21 horas. Deberase presentar o formulario
adxunto, debidamente cumprimentado, e unha copia do DNI.

Proba de selección

Terá lugar o día 20 de abril das 13 ás 14 horas. Para a realización desta proba, será preciso traer material de debuxo artístico (lapis negro ou grafito). Esta consistirá na execución dun esbozo para facer unha fotografía no primeiro andar da Escola, indicando con claridade a intención do suposto resultado.

Matrícula

Días 23 e 24 de abril na oficina de EASD Pablo Picasso, en horario de 9 ás 14 horas.

Horario de curso

Mércores e os xoves, dende o 25 de abril ata o 6 de xuño, en horario de 18 ás 21 horas.

Descarga en PDF (450 KB) o formulario de inscrición