Alumna de EESS de Deseño Gráfico

Nun principio non estaba eu moi convencida co país ao que ía ir de Erasmus, pero ao final decidinme por Polonia, e podo dicir que foi a mellor decisión que puiden tomar.

Nun principio chegas alí despois de falar con outros erasmus e dáste de conta de que nada é o que parece. Ninguén fala inglés, e quen o fala moitos se negan a falalo e contéstanche en polaco. No inverno fai frío, moito frío, máis do que nos podemos imaxinar.

A residencia non é que sexa perfecta, pero é a mellor opción para facer amigos, coñecer xente doutros países e aprender así cousas sobre a súa lingua e a súa cultura. No meu caso eu podo dicir que me levo moitísimos amigos turcos que me ensinaron tanto a súa cultura como o seu idioma, e acolléronme coma se fose unha máis. Na residencia na súa gran maioría os estudantes son ucraínos, e sempre que o necesitas eles tratarán de axudarte (como para pedir un taxi porque se non falas polaco, esquécete), e convidarante ás súas festas, aínda que para iso tes que ter relación con
eles obviamente. A residencia é o lugar perfecto para poder relacionarte, e como consello, é mellor relacionarse con xente estranxeira porque esta experiencia é única na vida, españois xa hai moitos cos que relacionarse na volta a España.

Dende Polonia algo que foi moi enriquecedor na miña experiencia foi viaxar, está todo moi accesible (aínda que o tren de Przemysl a Kraków atrásase case sempre), e non necesitades dunha grande cantidade de diñeiro para coñecer outros países.

En canto á universidade, a coordinadora da PWSW axúdache en todo canto necesites e máis, así como os profesores, que a pesar de falar en polaco en clase, cando acaban de explicar achéganse aos erasmus para explicar en inglés tamén, e senón, sempre queda levantar a man e preguntar.