Estadía en Bulgaria
Grazas ao programa de mobilidade Erasmus+ gocei dunha estadía de formación para o profesorado entre abril e maio deste curso en Plovdiv, Bulgaria. Plovdiv foi elixida Capital Europea da Cultura 2019 xunto coa cidade italiana de Matera, e como parte das actividades programadas, o 4 de maio tivo lugar a “Ailyak Parade”, un pasarrúas organizado pola compañía búlgara Fire Theatre en colaboración coa Handmade Parede do Reino Unido.
Foron dúas semanas de traballo comunitario con artistas locais e voluntarios, nos que se construíron diferentes tipoloxías de marionetas, bonecos e cabezudos para o pasarrúas. O meu cometido foi axudar ao artista invitado, Andrew Kim, na construción dunha marioneta xigante de 4 metros que formaría parte do desfile. Foi un intenso traballo a contrarreloxo de modelado, baleirado en papel maché, montaxe, pintura, costura, probas e axustes de movemento… para que a marioneta “Carmen” desfilara polas rúas de Plovdiv.
Plovdiv
Bulgaria é unha boísima elección para unha estadía Erasmus, Plovdiv conta co Instituto Nacional de Artes Escénicas e Cinematografía, e na capital, Sofia, atópanse as principais facultades de artes e deseño, contando todas elas con programas de mobilidade Erasmus. É un país ben comunicado, en crecemento desde a súa incorporación á Unión Europea, e cunha gran riqueza patrimonial froito da súa situación estratéxica de nexo entre occidente e oriente. Tracia, Roma, Bizancio, o Imperio Otomano, a antiga Unión Soviética… deixaron fondas pegadas que forman parte da súa cultura e patrimonio.
Valoro moi positivamente esta estadía, polos coñecementos técnicos adquiridos, pola oportunidade de participar nun proxecto comunitario, as vivencias xunto aos meus compañeiros de traballo, e a experiencia que foi coñecer un país tan sorprendente e fermoso como Bulgaria. As montañas, a neve, o sol, os mosteiros, a xente, a gastronomía, a mestura de cultura eslava e otomana… invitan a volver.
Aylyak mayna…!
Teatro romano de Plovdiv.
Mosteiro ortodoxo de Rila, s. X