Profesora de Escultura

O pasado mes de abril un grupo de profesoras e profesores de diferentes disciplinas artísticas e de diferentes procedencias (EASD Pablo Picasso, EASD Antonio Faílde, Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Escuela Superior de Arte de Asturias) participamos nunha mobilidade Erasmus+ a Xordania promovida polo consorcio CARTES.

O programa ten como principal obxectivo establecer contactos coas universidades de acollida para futuros convenios de mobilidade do profesorado e alumnado dos distintos centros. Nesta ocasión a universidade de acollida foi a Al al-Bayt University en Mafraq, ao norte do país, visitando tamén a universidade de Amman e a Yarmuk University en Irbid.

Isto permitiunos achegarnos á vida universitaria de Xordania, cunha elevada poboación estudantil, eas ensinanzas artísticas impartidas nas diferentes universidades, moitas veces ligadas ao seu rico patrimonio cultural. Percibemos un gran interese nas alumnas e alumnos destes centros en completar a súa formación en España, así como en acoller alumnado e profesorado das nosas Escolas.

A mobilidade completouse cun itinerario polos principais sitios arqueolóxicos e culturais do país:Amman, Umm Al Jimal, Umm Qies, Gadara, Jerash, Castelo de Ajlun, Petra, Wadi Rum, Madaba… entrando tamén en contacto coa súa realidade social e cultural, sendo unha experiencia moi enriquecedora a nivel persoal.

Xordania é un país dunha gran riqueza humana, constituído por máis dun 40% de poboación refuxiada (principalmente palestina, irakí e siria), é un país amable e acolledor, sabedor da súa riqueza patrimonial pero que carece de recursos suficientes para a súa conservación e posta en valor.

Esta mobilidade abre as portas a futuras colaboracións coas universidades xordanas, sobre todo no eido da conservación patrimonial, a museización e visibilidade do patrimonio.