Profesora de Medios Audiovisuais no CFGS de Fotografía

Entre os días 7 e 10 de maio de 2018, gocei dun Erasmus + de formación na Escola Superior de Arte Saint-Luc de Liège, en Bélxica.

Liège atópase na zona francófona de Bélxica, a unha hora en tren dende Bruxelas. Á miña chegada a Liège, o primeiro que me sorprendeu foi a propia estación de Liège- Guillemins, obra do arquitecto español Santiago Calatrava,
construída en aceiro, vidro e formigón, nun espazo diáfano que dá unha sensación de amplitude ao viaxeiro que desembarca aquí por primeira vez.

Na propia escola recibiume Pascal Damuseau, profesor de técnicas fotográficas. Dende o primeiro momento, convertinme nunha alumna máis e puiden comprobar o desenvolvemento das clases e a interacción entre
alumnado e profesorado. Pascal Damuseau é un dos profesores máis antigos do centro e foi el quen nun primeiro momento  me explicou as peculiaridades dos estudos de fotografía. En Bélxica os estudos desenvólvense ao longo de
tres anos fronte aos dous anos en España. Debido a que teñen máis horas de estudo, os alumnos, a medida que avanzan de curso, poden ir escollendo materias optativas e ir orientando a súa carreira cara a obxectivos específicos.
Ao final do segundo ano, presentan un proxecto que é avaliado pola totalidade do profesorado de fotografía mentres que ao finalizar o terceiro ano, presentan o proxecto final pero neste caso é avaliado por profesionais da fotografía alleos ao centro. A este proxecto dedícanlle seis horas semanais repartidas de setembro a maio.

No meu primeiro día de estancia na escola, achegouse a darme a benvida a xefa do departamento de fotografía, Vinciane Hannotte, profesora de fotografía de reportaxe, con quen fixen un pequeno percorrido polo centro. No que respecta ao profesorado, traballan un máximo de 16 horas que poden distribuír entre un mínimo de dous días lectivos e un máximo de catro, para desta maneira, poder levar a cabo os seus proxectos e traballos persoais (todo o profesorado debe ser profesional en activo no seu sector concreto). No que concirne ao alumnado, a gran maioría libra un día (normalmente o venres) e goza dalgunha mañá ou tarde libre a maiores co fin de poder levar a cabo os seus proxectos.

A escola forma parte do circuíto cultural da cidade e no seu interior atópase unha sala de exposicións que cambia a súa programación mensualmente. Nela non só expón o alumnado senón tamén o profesorado e artistas alleos á escola.

No que respecta ao desenvolvemento das clases de fotografía, todas as semanas reciben a visita dalgún profesional de recoñecido prestixio que comparte co alumnado o seu traballo e axuda nos seus proxectos con suxestións e dándolles diferentes puntos de vista. O principal interese da miña visita centrábase nas clases de audiovisuais, materia que se impartía por primeira vez este ano no segundo curso. Nun primeiro momento, asistín ás clases de Chloé Malcotti,
especialmente centradas na grabación e edición de vídeo arte e vídeo instalación. Puiden ver o desenvolvemento das clases e a importancia que se lle dá non só á avaliación por parte da propia profesora senón tamén á
coevaluación entre o alumnado. Tamén tiven o pracer de asistir á presentación dos vídeos finais coa profesora Sandrine Dryvers. Chamoume especialmente a atención o grao de compromiso do alumnado (fundamentalmente feminino,
igual que na nosa escola). Os seus proxectos parecéronme íntimos e comprometidos. Quedoume un moi bo sabor de boca ao sentir como dende o primeiro momento tanto Sandrine como as alumnas fixéronme partícipe dos
seus proxectos preguntándome o meu parecer e punto de vista sobre o que estabamos a ver. Foi unha moi grata experiencia.

A última noite da miña estancia, Sandrine Dryvers presentaba a súa última longametraxe, Allô Europe ?, unha reflexión sobre a existencia ou non dun espírito europeo, grabado integramente co seu Iphone en diferentes países
da Unión Europea, entre eles España. De volta a casa, podo valorar a experiencia como moi positiva. O feito de
compartir e contrastar experiencias é sumamente enriquecedor a nivel persoal e profesional.