A semana do 21 ao 27 de outubro de 2019 gocei da experiencia Erasmus + na Escola Superior de Arte e Deseño de Toulon Provence Mediterranée. Toulon é unha pequena cidade dentro da rexión coñecida como PACA ( Provenza – Alpes – Costa Azul), a poucos quilómetros de Marsella, cidade de residencia da ampla maioría do profesorado. E, como describir Marsella? Parafraseando a Lorca, “Se eu me perdo, que me busquen en Marsella”.
Despois do meu paso polas escolas de Liège e Frosinone, quería ver a maneira de traballar a arte nunha escola francesa. Antes de nada, é importante sinalar que en Francia se fai unha distinción entre o que son as escolas de artes aplicadas (serían máis similares ao que ofrece a nosa escola, é dicir, a arte e o deseño aplicados a unha profesión) e as escolas de arte e deseño propiamente ditas, máis próximas ás BBAA en España. En Francia, tanto os estudos de arte como de deseño correspóndense cun grao universitario español, aínda que en Francia distribúense en 3 + 2 (grao + máster) e en España sería 4 + 1. Á miña chegada á escola, dispoñíanse a completar o traslado a unha nova localización a partir do 1 de xaneiro, polo que a escola estaba de mudanza.
Fun recibida nun primeiro momento por Estelle Arnaud, responsable do programaErasmus +, con quen xa tivera contacto previamente no que respecta a a miña estancia. Unha vez feita unha primeira visita e coñecido ao equipo directivo, coñecín a Serge Le Squer, artista visual e responsable da materia de audiovisuais.
Desde o primeiro momento estiven en contacto co alumnado e, aproveitando as xornadas de videocreación que estaba a levar a cabo a escola, tiven o pracer de presentar ao alumnado as miñas reflexións sobre a película Os caníbales, de Liliana Cavani, sobre a que versou o meu traballo final de máster en investigación histórica.
Filosofía de traballo
Do mesmo xeito que me aconteceu en Bélxica e en Italia, puiden constatar como novamente a aproximación ao audiovisual faise desde un punto de vista menos técnico e máis experimentador, centrándose na súa parte artística. O que máis me sorprendeu foi a dinámica de traballo pois, máis aló do primeiro ano, en que si teñen materias, a partir do segundo ano é unha experiencia máis inmersiva onde o alumnado vai cronstruindo o seu propio camiño creativo baixo a tutela do profesorado. Non hai materias como tal senón titorías de diferentes disciplinas nas que o alumnado vai conformando o seu pensamento e a súa traxectoria. Polas características da miña conferencia, Serge Lle Squer situoume entre o alumnado cuxa obra audiovisual aproximábase máis á crítica social e política. Foi moi enriquecedor ver a bagaxe cultural e artística que manexaban.