Profesora de Audiovisuais
Entre os días 13 e 17 de xuño de 2018, gocei dun Erasmus de formación na Accademia di Belle Arti di Frosinone, en Italia.
Frosinone é unha cidade ao pé dun outeiro dentro da rexión do Lacio, a unha hora de Roma. É unha cidade dormitorio onde a xente ou ben marcha cedo a traballar a localidades veciñas, Roma especialmente, ou vén aquí a estudar ou traballar. Pola tarde, a partir das 19:00 h, as rúas están desertas.
A sede principal da Accademia atópase na parte alta de Frosinone, polo que desde ela domínase toda a cidade. Á miña chegada fun recibida por Marco Pagano, o responsable do programa Erasmus, e pola directora, Loredana Rea. O primeiro que me chamou a atención foi a cantidade de luz e as súas tonalidades. Dentro da propia Accademia atópase o MACA, o Museo de Arte Contemporánea da Accademia, onde se expoñen obras de alumnos, profesores e invitados.
Na Accademia poden estudarse trece grados diferentes, un deles, Media Art, foi o escollido por min para a realización do Erasmus. No que respecta á organización lectiva, chama a atención a división do horario lectivo en dous, semana A e semana B. Os horarios cambian cada semana e o alumnado ten clase de luns a sábado (non necesariamente todos os días). Cada clase ten unha duración que oscila entre as catro e as oito horas, xa que logo, só teñen unha clase ao día. As clases comezan o 1 de setembro e finalizan a mediados de xullo (a finais de xullo os alumnos de último ano presentan o seu TFG).
Desde o punto de vista do docente, do mesmo xeito que puiden constatar o pasado ano en Bélxica, o profesorado traballa a metade de horas que os seus homólogos españois e, por norma, traballan uns dous días á semana. Isto permítelles compatibilizar o seu traballo docente co seu traballo profesional ou coa docencia noutros centros.
A intención do meu Erasmus era ver como se traballaba o audiovisual, materia da que eu me ocupo na escola. Tiven a sorte de traballar á beira do profesor Carmine Fornari, quen ademais traballa como profesor no Centro Sperimentale dei Cinematografia de Roma, na Accademia de Turín e na Accademia de Bari. No caso concreto de Frosinone, ensina edición de vídeo aos alumnos de 1º e Dirección aos alumnos de 5º de Media Art. Tal e como esperaba, puiden constatar como se prioriza a parte “espiritual”, é dicir, trabállase especialmente co fondo e non tanto coa forma. Reflexiónase sobre o abstracto, sobre o porqué das cousas e déixase que o alumno profundice el mesmo sobre o concreto, sobre a parte técnica. Neste sentido, comparto o punto de vista da súa metodoloxía, xa que creo que a función do docente é de guía, de ensinar a ver e pensar, é dicir, aquilo que ningún tutorial pode ensinarlles. Foi moi reconfortante, do mesmo xeito que o ano pasado en Bélxica, constatar que este punto de vista é compartido por colegas de dous países diferentes.
O último día de Erasmus tiven o gran pracer de traballar coa profesora Giuseppina Digrandi (Psicoloxía da arte) e co profesor Iginio de Luca (Instalacións multimedia). Na súa clase conxunta, alumnos dos diferentes grados, creaban proxectos interdisciplinares (video, ilustración, pintura, escultura, deseño, moda…) e presentábanos. Foi un auténtico pracer e un sopro de aire fresco ver como a profesora Digrandi axudaba aos seus alumnos ofrecéndolles toda clase de referentes (cinematográficos, fotográficos, pictóricos, musicais…) para enriquecer os seus traballos. Hai veces en que unha queda perplexa ante a cultura artística e o saber facer dos demáis, como foi este caso.