Na semana do 8 ao 12 de abril realicei unha estancia de formación na escola de deseño de Matosinhos, municipio portugués a poucos quilómetros do centro da cidade do Porto.

A escola de Matosinhos é unha institución realmente dinámica e moderna con talleres especializados nos que non faltan as técnicas tradicionais. Destacable neste sentido é o taller de tipografía no que se conservan funcionando máquinas antigas que traballan con tipos móbiles. Ademáis da escola de deseño propiamente, o equipo educativo tamén xestiona unha sala de exposicións, organiza eventos e ciclos de conferencias, encárgase da edición de monografías especializadas e tamén asumen ó reto de publicar periodicamente unha revista sobre deseño.

A miña experiencia formativa alí centrouse no packaging, a especialidade que se ocupa do deseño de envases. As sesións de traballo foron intensas e moi produtivas, intercambiando ideas coa profesora que impartía a materia e analizando os proxectos presentados polos alumnos.

A especialidade de packaging en Matosinhos enfócase desde unha perspectiva algo diferente da nosa debido a que alí esta materia impártese como unha optativa que poden cursar tanto alumnos de deseño gráfico como de produto, de interiores ou de xoiería. O proxecto de deseño do envase tal e como alí afróntase, aínda que non se desentende completamente da gráfica de superficie, atende de forma prioritaria ao deseño estrutural.

A peculiaridade da súa didáctica radica en que se parte dunha limitación construtiva, asúmese como filosofía de traballo a condición de desenvolver o envase obrigatoriamente desde unha superficie plana. Con independencia do material (cartón, madeira, plástico, etc…) o alumno debe crear unha plantilla que troquelada e dobrada convenientemente sirva para xerar o volume do envase. Esta proposta didáctica que descarta moldes, soprados, extrusiones e outras técnicas industriais para a obtención de volumes, garda relación coa tese doutoral que a profesora Magarida Azevedo presentou na Universidade Politécnica de Valencia.