Como ben sabedes, participei no programa de intercambio Erasmus+ entre a nosa escola e a Universidade Ateneo de Manila, a continuación vouvos contar a miña experiencia para achegarvos detalles para unha posible integración no programa Erasmus+ para estudantes.

En primeiro lugar, falareivos de Filipinas, que é un país moi poboado cuns 100 millóns de habitantes. Está dividida en varias illas e as súas praias teñen fama de ser as mellores do mundo (unha mágoa que non o puidese comprobar). A súa moeda é o peso filipino e equivale nestes momentos aproximadamente a medio euro, sendo o salario medio mensual alí arredor dos 80 euros, o que significa que a vida é moito máis barata que aquí. Pódese comer nun restaurante por entre 4 e 6 euros, e nun bo por uns 12 euros. Tamén hai moitos postos na rúa onde se pode comer e supoño que son moito máis baratos pero non recomendables para unha estancia curta (eu non os probei). Algúns aloxamentos tipo albergue anúncianse a 4 euros por noite (non me quero imaxinar como serán) e un bo hotel ronda os 30 euros por noite. Ten 2 idiomas oficiais, o Tagalo e o Inglés, sendo este último o das institucións oficiais, polo que cun bo dominio non terás problemas.

 

Manila non coñece moi ben os habitantes que ten xa que uns censos sitúana en 13 millóns e outros en 14, dependendo da área metropolitana que abranguen e, ao parecer, hai unha gran poboación sen censo. O certo é que hai moita xente por todas partes e grandes atascos, que requiren máis dunha hora en coche para os desprazamentos de menos de 5 quilómetros. O transporte público é tremendo (moito e non entendín como funcionaba xa que non hai moita información, conducindo de forma moi temeraria e sempre pitando por todo) e hai unha lexión de moto-taxis. A área metropolitana conta con barrios moi distintos, mesmo concellos, cunha zona de rañaceos, mellor ordenada e segura, e a gran maioría máis perigosas (sobre todo para nós os estranxeiros, que somos perfectamente distinguibles as legoas) e con menos infraestruturas e en case todos os locais moderadamente preparados teñen seguridade armada que non teñen problemas para disparar se é necesario.

O Ateneo de Manila é unha universidade católica, moderna e integradora, que se atopa na área metropolitana de Manila, concretamente na cidade de Quezon, a uns 10 quilómetros do centro histórico da cidade, tendo varias facultades no campus entre elas Artes, e outras dependencias, instalación e servizos como teatro, sala de exposicións de arte, obras de arte decorando xardíns, igrexa, residencia de estudantes (onde teñen prazas para persoas con mobilidade restrinxida), etc. Tamén ten transporte gratuíto polo campus en coche eléctrico. O nivel económico do alumnado é alto (entre os seus titulados hai varios senadores e presidentes do país) e a calidade do profesorado é moi boa, con moitos profesores novos. A acollida e o trato do seu persoal foi inmellorable.