A EASD Pablo PIcasso colabora na posta en marcha deste proxecto artístico, transversal e senlleiro xunto con cinco centros de ensino público de Galicia e organizado polo Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Le Villi, unha ópera de Giacomo Puccini, pretende ser a semente que demostre, aos asistentes, a calidade artística no ámbito das ensinanzas artísticas a nivel nacional; ao alumnado, as posibilidades laborais que xurden da fusión coas diferentes artes e oficios; e, á sociedade, as oportunidades que otorga o traballo en equipo e a colaboración institucional. A representación desta ópera terá lugar o sábado 1 de xuño, ás 20:00h no Teatro Colón. Para acceder é preciso ter entrada (de balde) que se pode conseguir na web do teatro.
Baixo a dirección do Conservatorio Superior de Música da Coruña, neste proxecto converxemos os seguintes centros: a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, o CIFP Imaxe e Son, o CIFP Paseo das Pontes e o CIFP Someso. Este proxecto tamén é posible grazas ao Centro Coreográfico Galego, ao Centro Dramático Galego, á Orquesta Sinfónica de Galicia, ao Concello de A Coruña e á UDC.
O alumnado de 3º curso do Grao de Deseño Gráfico, coordinado pola docente Elena Iglesias, desenvolveu as pezas utilizadas na comunicación gráfica da obra e das imaxes proxectadas no escenario para crear ambientación en cada unha das escenas.
Para os fondos proxectados, procurouse crear un conxunto de imaxes contemporáneo, con referencias abstractas que contrasten cos traxes máis convencionais. Buscouse algo sinxelo que tivese un gran impacto visual e que, en lugar de describir, suxerise. Algo con personalidade, como esta adaptación dunha obra clásica.
As referencias analizadas van desde “Akhnaten” de Philip Glass ata “Macbeth” de Mario Martone. No primeiro caso, a escenografía caracterízase polo seu minimalismo abstracto e o seu impacto visual a través de cores saturadas que contrastan co resto dos elementos. No segundo caso, preséntanse un escenario espido, un par de cabalos e proxeccións. O obxectivo era centrar plenamente a atención nos seus protagonistas nun ambiente sinxelo e sincero.
Tamén se tiveron en conta referencias do ámbito da ilustración, como “A caza” de Alberto Vázquez, un dos máis recoñecido no panorama galego. “The Hunt” é un cómic onde se usan os gráficos mediante a técnica sumi-e e o uso de de tinta chinesa. Acompañado dun debuxo fortemente expresivo, xera unidade narrativa e un mundo moi persoal.
O uso da tinta chinesa e a técnica sumi-e permite crear escenas de xeito sinxelo xerando un tipo moi expresivo de gráficos. O seu trazo orgánico dálle un grao de fluidez e unha sinxeleza interesante que non interfire cos personaxes. A aposta pola fusión do analóxico co dixital proporciona un marcado carácter persoal e íntimo, cun grao de dinamismo e abstracción engadidos a un estilo minimalista moi expresivo.
O alumnado participante foi: David Béjar Lemos, Clara Isabel Graña Castro, Blanca Tojo Garrote, Sara Costas Ruibal, Egoitz San Segundo Lucas, Nicolás García Flores, Mar Villanueva Martínez, Ruth Armendariz Ouviña, Eduardo Soto Regueira, Iago Iglesias Cambón, Javier Doce Sanín, Quimey Janis Flores Loschiavo, Julia Aldecoa Raya, Lucía Casal Belo, Francisco Javier Carreira Roca, Dimelza Diaz Arrieta, Juan Esmorís Canosa, Olaya Rodríguez Pérez, Nuria González García, Sánchez García Valeria, Paula González Rodríguez, Nicolás Magariños Sartal, Fernando Mármol Fernández-Ayala, Isabel Bermúdez Cidoncha, Álvaro Bellón García, Diego Fernández De la Torre. A todas e todos eles, parabéns!
Ver en youtube: Le Villi (Acto I) – Le Villi (Acto II)
En prensa: TVG – Xunta.gal – La Voz de Galicia –