1.- ORGANIZACIÓN DAS PROBAS

1.1. Conforme ás instrucións de acceso, a dirección da EASD garantirá a correcta administración das probas e adoptará as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos, medios e medidas de hixiene para a realización das probas, en colaboración coa presidencia do tribunal. Para este fin resulta imprescindible a colaboración do profesorado da escola.

1.2. O profesorado asignado pola dirección da EASD para a vixilancia das probas será o encargado de aplicar as normas para, na medida do posible, evitar as aglomeracións de persoas na Escola e as suas inmediacións.

1.3. Rematado o prazo de inscrición para as probas, a dirección das Escola calculará as necesidades espaciais para dar cobertura ás necesidades de acollemento de persoas aspirantes, para xestionar o correcto desenvolvemento das probas.

1.4.A dirección determinará a organización da entrada, ubicación e saída das persoas que vaian realizar as probas, así coma o proceso de identificación das mesmas.

2.- MEDIDAS INFORMATIVAS XERAIS

2.1. A dirección colocará na entrada do centro de xeito ben visible os carteis informativos sobre distancia de seguridade, hixiene de mans e uso da máscara. Ademais, dotará xel hidroalcohólico, xabón, papel de secado de mans, papeleiras pechadas e calquera outro equipamento de prevención necesario.

2.2. O persoal da Escola insistirá no uso de máscara para todo o alumnado e profesorado, mentres estean nas filas de acceso aos centros e tamén dentro das aulas, e recomendará o uso de xel hidroalcohólico individual.

3.- ACCESO AO CENTRO

3.1. Non poderán acceder ao centro as persoas que presenten síntomas compatibles con COVID-19 ou estean en illamento domiciliario como consecuencia dun diagnóstico por COVID-19, ou que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter tido contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de COVID-19.

3.2. Só poderán acceder á EASD o día das probas: persoal directivo e administrativo autorizado, membros do tribunal avaliador e o persoal docente convocado para asistir na organización do desenvolvemento das probas, así coma os/as aspirantes e acompañantes de estudantes que necesiten asistencia.

3.3. O persoal docente encargado da asistencia, seguindo instrucións do presidente do tribunal, encargarase de que as entradas e saídas do centro e das aulas sexan ordenadas, en filas, usando máscaras e mantendo a distancia interpersoal de dous metros, sempre que sexa posible.

3.4. Prégase especial atención na hora da presentación. Os/as aspirantes deberán estar presentes con media hora de antelación para despois acudir puntualmente aos exames.

3.5. No momento da presentación, cando os/as aspirantes estean xa nos seus postos dentro das aulas, o persoal docente responsable das aulas lembrará de xeito breve as normas básicas de actuación e prevención que se aplicarán.

4.- ACCESO ÁS AULAS

4.1. Os/as aspirantes deberán ser identificados individualmente, ben antes de sentarse nos seus postos ou ben cando xa se atopen nos mesmos.

4.2. Cada aspirante deberá levar consigo o documento identificativo (DNI ou NIE), bolígrafo ou pluma de tinta indeleble azul ou negra, e máscara.

4.3. Cada aspirante poderá levar consigo: xel hidroalcohólico (recomendable) e panos de usar e desbotar.

4.4. Os/as aspirantes poderán acudir á proba co material de debuxo estipulado na convocatoria correspondente para realizar a segunda parte da proba.

4.5. Os/as aspirantes non poderán acceder á aula con teléfono móbil, reloxo dixital (smartwatch) ou calquera outro dispositivo electrónico activados. De darse o caso, sería motivo de medida disciplinaria (expulsión da aula e cualificación do exame con 0 puntos).

4.6. Os/as aspirantes poden introducir na aula unha mochila, carteira ou bolsa de deporte con todas as súas pertenzas, que inclúen auga e comida, sempre que se cumpra o que se indica nas normas específicas de prevención.

5.- DISTRIBUCIÓN E PERMANENCIA NA AULA

5.1. Haberá un mínimo dun profesor ou profesora por aula para a vixilancia, control de asistencia e demais tarefas relacionadas coa proba.

5.2. A distribución na aula deberá cumprir, na medida do posible, as seguintes indicacións:

– Deixar dous asentos libres ou 1,5 metros entre aspirantes da mesma fila.

– Intercalar os/as aspirantes entre filas sucesivas, de xeito que non queden xusto detrás da persoa da fila colindante.

– Distanciar máis ás persoas naqueles sectores da aula onde sexa posible

5.3. A recollida dos exames farase evitando aglomeracións e mantendo sempre a distancia interpersoal de seguridade. É necesario advertir ao alumnado de que fóra da aula non se poderá permanecer nos corredores e que deberán abandonar o centro ao rematar cada proba.

5.4. Na medida do posible, os/as aspirantes ocuparán os mesmos asentos en cada parte da proba.

5.5. Entre as distintas partes da proba, un membro da directiva deberá comprobar que nas inmediacións do centro, sobre todo na contorna das entradas e saídas, se respectan as recomendacións. En todo caso, debe evitarse a formación de grupos numerosos nestes lugares.

6.- NORMAS ESPECÍFICAS DE PREVENCIÓN

6.1. Se un/unha aspirante mostra síntomas de contaxio da Covid-19 durante a proba, será levada a unha sala ou aula previamente determinada pola dirección da Escola, onde poida estar acompañada dunha persoa representante do centro, ambos con máscara e mantendo en todo momento a distancia interpersoal de seguridade. A dependencia elixida deberá contar con ventilación e papeleira pechada con bolsa (onde poder desbotar máscaras e panos). Deberase avisar á familia de forma inmediata e, se os síntomas semellan de gravidade, comunicarase co 112.

6.2. Se unha das persoas que traballan na proba mostra síntomas de contaxio, deixará o seu posto de traballo e será levada á dependencia habilitada do centro. De xeito inmediato chamarase ao teléfono previsto da Xunta ou centro de saúde ou, se os síntomas semellan de gravidade, ao 112.

6.3. O uso da máscara é responsabilidade individual de todas as persoas que accedan ás Escola. A máscara é obrigatoria, xa que non sempre será posible garantir o mantemento da distancia interpersoal de dous metros. Nas aulas haberá máscaras de substitución para quen as precise. O profesorado estará atento á súa reposición se fose necesaria. A máscara deberá ser usada debidamente, cubrindo boca e nariz. Se alguén non a leva de xeito correcto, será advertido pola persoa responsable. Téñase en conta que as pantallas non están autorizadas como substitutivos das máscaras, xa que non cumpren a mesma función.

6.4. Recoméndase informar de forma reiterada sobre a conveniencia da desinfección frecuente das mans con xel hidroalcohólico, durante polo menos 40 segundos. O profesorado deberá estar atento á súa reposición nas aulas e aseos. Tamén se informará da conveniencia de non tocar coas mans ollos, nariz e boca.

6.5. De xeito xeral, non se recomenda o uso de luvas. Con todo, se o profesorado as solicita poranse á súa disposición para a recepción e entrega de exames.

6.6. En cada aula haberá bolígrafos de substitución para que se algunha persoa se queda sen bolígrafo por esgotamento ou deterioro, non pida outro ao resto de compañeiros, senón á persoa responsable da aula, que será a encargada de entregarlle un bolígrafo desinfectado.

6.7. Na Escola realizarase unha limpeza inicial, de acordo coa Orde SND/399/2020 (BOE 09/05/2020), utilizando desinfectantes virucidas autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade. De xeito xeral, recoméndase realizar unha limpeza e desinfección das aulas utilizadas e dos aseos nas horas que transcorren entre a finalización da primeira parte da proba e o inicio da segunda, así como tras a finalización da proba.

6.8. A Escola organizará as tarefas de limpeza e desinfección, así como a dotación das papeleiras adecuadas e da xestión de residuos. Así e todo, entre as distintas partes e exercicios das probas o profesorado será o encargado de ventilar as aulas, polo menos durante 5 minutos.

6.9. Sobre a dispoñibilidade de espazos para descanso e comida, recomendaráselle ao alumnado saír ao aire libre, evitando a formación de grupos numerosos e respectando a distancia interpersoal de seguridade.

6.10. O servizo de cafetería non estará dispoñible os días de celebración das probas.