No marco da participación da Escola no programa Salvavidas, integrado no Plan Proxecta + da Consellería de Educación, o alumnado de 2º curso do Grao en Deseño Gráfico desenvolveu, dentro da disciplina de Proxectos de Deseño Gráfico I, unha campaña de comunicación para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O obxectivo era destacar a importancia da doazón de sangue, un xesto solidario fundamental para o funcionamento do sistema sanitario e para salvar vidas.

Traballando en pequenos grupos, as e os estudantes investigaron o tema e elaboraron propostas gráficas (principalmente en formato cartel) nas que transformaron esa mensaxe social nunha comunicación visual clara e eficaz.

O exercicio centrouse no proceso de análise, conceptualización e ideación propios do deseño gráfico, empregando ferramentas como mapas mentais, moodboards e bocetos previos á proposta final. Os resultados foron moi positivos: o alumnado mostrou unha gran creatividade e conseguiu desenvolver campañas capaces de transmitir de forma directa e atractiva o valor social da doazón de sangue.