As alumnas de 2º de Deseño gráfico Candela Ordoñez Cruz, Lara Rodríguez Guerreiro e Sara Tellado Castellano resultaron gañadoras do concurso de pezas gráficas convocado pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa con motivo do 25N Día contra a violencia de xénero. Coordinadas pola docente Belén Carracedo, participaron pola categoría de alumnado das ensinanzas especiais de artes plásticas e deseño, modalidade de “imaxe Gráfica” coa proposta: Abre os ollos.
O cartel seleccionado forma parte dunha campaña de tres e pretende concienciar á sociedade contra a violencia de xénero. con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O obxectivo principal do deseño é despertar a reflexión das persoas sobre a problemática de condutas machistas, facendo fincapé na responsabilidade de todos. A técnica principal para o seu deseño é a vectorización de patróns entre os que se oculta unha mensaxe que fomenta a sensibilización contra a violencia machista. Os carteis seguen unha orde cronolóxica que narra unha historia de como debemos concienciar á poboación sobre esta lacra que temos que erradicar. O primeiro cartel amosa o problema como algo social, sendo responsabilidade de todos/as. O segundo cartel reflicte a necesidade de romper as cadeas sobre os estereotipos. E o terceiro cartel representa a necesidade de avanzar como sociedade e mirar cara ao futuro.
Parabéns ás tres alumnas polo traballo realizado, e tamén ao resto de compañeiras e compañeiros de 2º curso de Deseño Gráfico que tamén elaboraron a súas propostas.
O cartel gañador serve de imaxe para ilustrar as actividades organizadas dende a Escola en conmemoración deste 25N.
Deste xeito, o luns 27 de novembro, ás 11:30h, o Centro de Arte, Cultura e Benestar Social Mena Marín presenta o seu certame de pintura rápida para incentivar a participación do noso alumnado.
Ás 11:45h, a Fundación Mujeres impartirá unha charla-taller de prevención do acoso pola rúa, enmarcado no Programa Stand Up. Este taller presenta un conxunto de ferramentas que axudan ás persoas a intervir con seguridade cando son vítimas ou son testemuñas de situacións de acoso en espazos públicos. O obxectivo do Programa é formar á poboación para que o denuncie e así construír unha cultura na que o acoso na rúa sexa visto como un comportamento inaceptable.
E as docentes Marta Fernández, Marta Cousiño e Carlos Isla coordinan un taller de “Mourado”, no que o alumnado pode aprender a técnica de Dourado, aplicando láminas metalizadas de cor morada a unha ilustración de elaboración propia relacionada co 25N. Terá lugar ao longo do luns 27 de novembro, no taller de valeirado.