Aínda que as orixes da Escola remóntase a 1849, hoxe a data que conmemoramos é 1988, que foi o ano no que se inaugurou a actual sede da nosa EASD.

A escola compartiu espazo co Instituto de Ensino Secundario Eusebio da Guarda ata que por mor de novas reformas educativas e dun aumento do alumnado, este espazo vaise quedar pequeno para ambas institucións. Chegados ao ano 1983, desde a Xunta de Galicia e desde o Concello da Coruña, empézanse a realizar xestións para unha nova localización da Escola. Por vez primeira, vaise realizar un edificio de nova planta, creado exclusivamente para este tipo de ensinos na Coruña e, desta forma, comeza unha andaina que perdura até o día de hoxe na súa nova sede.

Herdeira de moitas reformas educativas, é a actual Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. A súa actividade educativa desenvólvese nunha arquitectura ideada por José Antonio Corrales.

Pasarán tres anos desde o proxecto inicial ata que finalice a construción do edificio en 1986. Finalmente, realízase o traslado desde a antiga Escola até a actual sede, no verán de 1988, inaugurándose o 14 de Novembro do mesmo ano, por Javier Suárez Vence-Santiso (Vicepresidente da Xunta de Galicia), Aniceto Núñez García (Conselleiro de Educación) e Francisco Vázquez Váquez (Alcalde da Coruña). Neses momentos a Directora da Escola era Carmen Serantes López.
A utilización de cores como o branco, azul, verde, xunto coa vista xeral do edificio, demostra a clara inspiración de Corrales no mar e en construcións pertencentes ao Movemento Moderno que recreaban as formas de barcos e que se desenvolveron tamén na Coruña no S.XX.

Pasaron xa trinta anos desde a súa ocupación, e o labor exercido pola Escola e a súa vinculación coa cidade é indiscutible. As colaboracións que se realizan desde o centro, fixeron, que na cidade da Coruña “A Picasso”, como a chaman, sexa un referente de estudos artísticos e obviamente no imaxinario popular, esta actividade educativa está ligada ao seu edificio e ao Patrimonio que alberga.

Ana González Orrio. | Profesora Historia do Deseño

Referencias:
– MEIJIDE PARDO, A. (1989) Eusebio da Guarda y el Instituto de Segunda Enseñanza de La Coruña. A Coruña: Biblioteca Gallega, 55-143.
– MEIJIDE PARDO, A. (1989) La Academia y Escuela de Bellas Artes de La Coruña 1850-1875. A Coruña: Diputación Provincial de A Coruña, 27-41.
– OTXOTORENA, J.M. (2000) José Antonio Corrales: Obra construída. T6 ediciones SL, 63.
– PORRAL MATO, R. (1990) La enseñanza institucionalizada de las Artes en Galicia: 1886-1986 [Tesis Doctoral]. Madrid: Universidad Complutense, 46-330.